Filtro de búsqueda

Aberto o prazo para presentar traballos á oitava edición do Concurso de Debuxo Infantil convocado pola empresa Cosma

03/05/2016

Aberto o prazo para presentar traballos á oitava edición do Concurso de Debuxo Infantil convocado pola empresa Cosma

Aberto o prazo para presentar traballos á oitava edición do Concurso de Debuxo Infantil convocado pola empresa Cosma

A empresa mixta de augas de Narón, Cosma, convoca a oitava edición do Concurso Internacional de Debuxo Infantil, dirixido a escolares de terceiro, cuarto, quinto e sexto curso de Primaria do municipio. “O ciclo da auga, unha aventura para valentes” é o lema deste certame para o que se poderán presentar traballos ata o vindeiro 2 de xuño, tal e como explicou o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla. Os participantes deberán amosar nos debuxos o seu coñecemento sobre cada unha das fases do ciclo da auga a través dun conto, inspirándose en personaxes como magos ou paladíns, entre outros, para potenciar a súa creatividade e concienciarse sobre a importancia deste recurso natural. Santalla destacou o éxito que ano tras ano alcanza esta convocatoria dentro da comunidade educativa de Narón e agradeceu a colaboración dos centros escolares da localidade, da empresa Cosma e tamén a dos nenos e nenas que participan nesta iniciativa, aos que animou a presentar os seus traballos.


O edil de Servizos indicou que entre os obxectivos deste concurso está o feito de que os nenos e nenas de Narón demostren o seu grao de coñecemento sobre o ciclo integral da auga a través dun conto, tanto no que respecta ao seu consumo como á súa devolución ao medio natural a través dos sistemas de depuración, con todas as garantías de calidade. Así mesmo, Santalla subliñou que tamén se aposta por “educar aos menores, que representan o futuro, sobre un uso eficaz e eficiente dos recursos naturais, potenciando así un desenvolvemento sostible do noso entorno”.


A través desta convocatoria tamén se pretende, indicou o edil, que o alumnado ao que se dirixe “ademais de coñecer o ciclo da auga aprenda a valorar todo o traballo que supón o feito de levala aos fogares con total garantía, con calidade e en cantidade e empregando tecnoloxías que lles fan a vida máis sinxela e lles axudan a consumila de xeito responsable”.

 
Os participantes optarán a varios premios, dous individuais: dúas tablet Samsung 7´´ e catro para os finalistas: unha cámara de fotos acuática para cada un deles.


A empresa Cosma ¬–con algo máis de 19.200 clientes na localidade- está desenvolvendo novas tecnoloxías ao servizo do cidadán, apuntou Santalla, “baseadas na innovación e no uso de tecnoloxías da información para contribuír a crear servizos máis eficientes, debido a que o ciclo integral da auga ten unha gran importancia para as cidades modernas e a súa poboación”. Os profesionais de Cosma, comprometidos coas persoas e co seu entorno, traballan a diario na xerción de desenvolvemento e riqueza nos territorios onde a compañía presta o seu servizo, ao requerir a xestión do mesmo recursos, experiencia, especialización e colaboración.