1. Cando se di que unha auga é dura? Que problemas produce isto? Como se solucionan estes problemas?

A dureza dunha auga débese ao contido de certas sales de calcio e magnesio, que poden estar presentes en concentracións normalmente altas.

Os problemas dunha auga dura verifícanse no fogar cando se dificulta a cocedura dalgúns alimentos (como as verduras), que quedan duros e en ocasións amargos. Así mesmo, unha auga dura dificulta a formación de escuma no baño ou cando se lava a roupa.

En Narón, a auga subministrada ten a consideración de “auga branda”, sendo o grao de dureza de 3,2 graos franceses.

2. É preciso o cloro na auga de bebida? En caso afirmativo, canto cloro é recomendable?

Unha auga de consumo contaminada pode ser fonte de graves enfermidades. O cloro é unha barreira ante este risco, xa que é un dos mellores desinfectantes que se poden empregar na producción de auga potable.

Se a auga que chega á nosa mesa ten cloro, entón teremos a certeza de que está ceibe de xermes nocivos. A concentración de cloro na auga varía cos distintos tratamentos e coa situación que a nosa casa teña en relación coa rede de distribución de auga. Con todo, esa concentración non debe estar por enriba de 1,5 mg/L de cloro.

3. É pura a auga de manancial, de ríos ou lagos?

En xeral, non. A meirande parte das augas de orixe superficial (ríos e lagos) son lixeiramente turbias. A sucidade pode provir de diferentes clases de materia en suspensión, como area fina, arxila, lama ou microorganismos, e partículas coloidadais que son anacos de materia orgánica que proveñen da maceración de follas, codias e outras substancias vexetais en descomposición.

Considérase a auga de manancial coma unha auga pura na súa orixe, pois abrolla directamente do subsolo e está ceibe da contaminación polo home, pero durante o seu percorrido está exposta á contaminación causada polos excrementos de animais e aves silvestres e pola actividade humana. A auga dos ríos e lagos é usada como vía de transporte tanto polas persoas dedicadas á pesca coma polos turistas, o que fai que estas augas se contaminen con organismos patóxenos que lle causan enfermidade ao ser humano.

4. Por que debemos pagar pola auga que tomamos se esta é un don da natureza?

Porque a auga que se atopa na natureza está fóra do noso alcance e para que chegue ao noso enderezo precísase unha serie de instalacións e equipos custosos. Así mesmo, a auga require ser tratada para asegurar que súa calidade sexa apta para o consumo humano e iso tamén supón custos que deben ser cubertos pola persoa usuaria. Ademáis, no pagamento do consumo de auga está incluído tamén o custo do mantenemento das instalacións e redes necesarias para a súa distribución.

5. Que lonxitude de entubado ten a rede de auga de Narón?

A rede de abastecemento municipal de Narón ten unha lonxitude de 190 km.

6. E a rede de sumidoiros?

A rede de sumidoiros municipal de Narón ten unha lonxitude de 195 km..

7. Que podo facer para aforrar auga?

1. Pechar a ducha e a billa mentres enxaboamos as mans, cepillamos os dentes ou nos afeitamos. Unha billa aberta gasta entre 10 e 20 litros de auga por minuto.
2. Tomar unha ducha no lugar dun baño. Aforraremos máis de 100 litros de auga.
3. Tirar da cadea do inodoro só cando sexa imprescindible; que non sirva de papeleira ou cinceiro. Aforraremos entre 10 e 15 litros de auga.
4. Utilizar accesorios con etiqueta ecolóxica. Cambiar as billas, duchas e cisternas por outros máis modernos e eficientes.
5. Utilizar a lavadora e o lavalouza só a plena carga. Unha lavadora consume 170 litros de auga e un lavalouza 50.
6. Reparar as billas e cisternas que goteen. Unha billa que gotea perde máis de 50 litros de auga ao día e unha cisterna pode perder case 250.
7. Non utilizar a auga da billa para desconxelar alimentos. Utilizar o inodoro só para a súa función. Evitaremos problemas nas redes de sumidoiros e contribuiremos a non contaminar a auga.
8. Lavar o coche en lavadoiros automáticos. Estes adoitan facer un uso eficiente da auga.